domingo, 6 de mayo de 2007

Homenaxe no Cemiterio de Mehá a PANCHO


HOMENAXE A PANCHO (Francisco Martínez Leira) - O 1 de Maio en Mehá (Mugardos)
O derradeiro escapado na bisbarra
Pancho caeu abatido polas balas da garda civil case vinte anos despois de concluída a guerra, nunha emboscada minuciosamente preparada para rematar cun dos últimos bastións da resistencia guerrilleira na nosa comarca e mesmo quizais na Galiza enteira.
No principio, recén acabada a guerra, os guerrilleiros semellaban estar ben organizados. Era cando a idea dunha reconquista aparentaba ter visos de ser unha realidade, auspiciada polo PC que, sobre todo dende Francia, abastecía, na medida do posíbel, aos guerrilleiros de armamento, ao tempo de propiciarlles tamén axuda loxística. Por Galiza adiante proliferaban os grupos de apoio, enlaces que axudaban na intendencia a estas partidas de homes e mulleres que andaban espallados e acochados na frondosidade dos nosos montes, intentando organizar un contraataque que posibilitase o retorno da República.
Pasado o tempo, algúns foron caendo e a idea da ansiada reconquista foise esvaecendo ao acubillo da crúa realidade. Algúns guerrilleiros conseguiron fuxir a Francia e outros, os menos xa, quedaron espallados polos montes sen outro obxectivo que sobrevivir.
Pancho foi o último mohicano daquela idea romántica e mesmo utópica de recuperar, dende o monte, o tempo e a causa perdida, foi o elo final dunha cadea outrora firme e arestora esguizada.
A propaganda mediática do réxime tratounos de bandoleiros, foraxidos e de asasinos, cando na realidade o que facían ao final era andar fuxindo na procura de sobrevivir.
Unha vez, unha das últimas guerrilleiras, recentemente falecida, que estivera varias veces acochada no zulo que fixera Pancho na casa de Juán Vázquez (Anido) en Mugardos, contoume que aló polos monte do Folgoselo, ao amparo da frondosidade do bosque e dos labirintos das rochas, en mais dunha ocasión tiveron a menos de vinte metros a unha patrulla da garda civil, e non dispararon. Xurábanlla aos torturadores e a aqueles que tiñan fachenda de actuar nos escuadróns da morte como, por exemplo, o tristemente coñecido capitán Varela, morto nunha emboscada guerrilleira.
O pasado día 1 de maio, no cemiterio de Mehá a auga caía do ceo de xeito pertinaz. Os paraugas semellaban xigantescos cogomelos nados da humidade do ambiente.
Chovía, deus como chovía. Mais dun cento de persoas reuníronse baixo un ceo chumboso, preto do túmulo onde repousan os restos de Francisco Martínez Leira (Pancho) convocados por un grupo de amigos e de familiares para lle render sinxela homenaxe, logo dun interminábel tempo de silenzo de mais de cincuenta anos, a ese home que chegou ata as últimas consecuencias, sacrificando polo seu ideal o mais prezado que un ser humano ten, cal é a propia vida. Escoitáronse, nese sinxelo acto, emotivas palabras ditas por aqueles que, nalgún momento , compartiron vivencias con Pancho, como as de Juan Vázquez que, rotas pola emoción, relataron como se fixo o zulo que construíron na súa casa da Xesteira baixo a dirección de Pancho, cun túnel que atravesaba a estrada, por onde unha vez fuxiran Fina (a do buzo) e Choni. E como este lle pediu que lle presentara a Paco Filgueiras.
Diante do panteón onde está soterrado, depositáronse flores, caraveis roxos e un ramo que representaba a bandeira tricolor que Pancho outrora defendera con tanto tesón. Unha gaita deixou no ar as notas do himno de Riego, a Internacional e logo as do himno galego.
Deixou de chover, e ata unha raioliña de sol apareceu tímida abrindo paso a traveso das compactas nubes grises. A xente paseniñamente foi abandonando o recinto, no convencemento de que quedaba saldada unha débeda cun home que non foi bandoleiro nin foraxido. Sinxelamente foi un ser humano que, ao principio loitou polo seu ideario e logo pola supervivencia. E así, sen máis, que non é pouco, a partires de agora debera de ser recordado Pancho xunto a outros e outras que pasaron por similares circunstancias. É de xustiza recoñecelo así.
Por Xoan Rubia no Diario de Ferrol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario