martes, 17 de abril de 2007

A única fronteira estaba no mar. Fuxiron no “Vapor Ramón” dende ARES, no verán de 1939


A testemuña dun fuxido da guerra civil, Juan Castro Vilar, agachado en Chanteiro - Cervás, prisioneiro en Francia.

A prensa francesa de fins de setembro de 1939, destacaba a chegada o porto de La Pellice dun barco no que fuxiran dende Galicia 27 antifranquistas, disfrazados de gardiás civís.
Entre eles estaba Juan Castro Vilar, casado nado en Cervás (Ares) no 1911, de profesión labrador. A súa Lola quedara aquí.
Escondido nun muíño no seu natal Chanteiro, nos primeiros anos do triunfo do fascismo, e agochado nunha falsa parede durante case dous anos, hasta que a República perdeu a guerra.
Juan Castro sufriu no seu corpo as inhumanas condicións dos campos de concentración en Francia. Xa de volta foi condenado a 20 anos de prisión por perigoso esquerdista, trasladándose posteriormente a Asturias onde traballou na mina da Camocha durante 24 anos. Alí impulsou o PSOE e tivo contactos con Felipe e Guerra, o que lle fixo dicir no momento desta entrevista, ano 1988, que "gobernan o mellor que poden".
Juan e Lola estiveran no mes de Xulio do 1988 en Chanteiro onde pasaban as vacacións. Foi cando contaron estes relatos.

Juan Castro.- ‘Para nós Aquí en Cervás, todo estaba arredor do Centro, dese “Centro de Instrución Protección e Recreo” que fixeran os nosos pais dende a emigración, como antes levantaran a primeira Sociedade Agraria da provincia. No Centro que é unha vergonza que o Estado non llelo queira devolver aos veciños, había a escola, biblioteca, teatro, bailes, mecanografía, dábanse mitins. No Centro nos formamos toda a mocidade, na democracia, e ser demócrata naqueles tempos era ser de esquerdas, …bo, como agora.

… Eu entrei nas Xuventudes Socialistas Unificadas, como a maioría de nos, e cando andaba no mar ou aquí en terra , non facía mais que tomar conciencia da inxustiza.
Cando veu a República, foi cando se notou que toda a volta, Redes, Ares Mugardos, Cervás, Chanteiro, era de esquerdas. Cando foi a Revolución de Outubro do 34 , aos de Cervás tocounos intentar impedir que a Lexión, que a desembarcaran en Ferrol, fora en tren a Asturias; quixemos voar a ponte do tren en Pontedeume, colléronnos e a min caeume unha condena de 20 anos. Pasei polo cárcere de Ferrol e de alí a Pamplona.
Cando o trunfo do Fronte Popular, amnistiáronnos e volvemos no tren, unha romaría, con bandeiras republicanas na máquina, e as estacións cheas de xente que nos aplaudía …..

A SUBLEVACION
-- Cando fomos sabendo da sublevación, requisamos armas e detivemos a algúns dereitistas, sen violencia ningunha , aquí nos coñecíamos todos.
Démonos ben de conta de que non podiamos resistir. ¿Cómo íamos a tomar o cuartel de Montefaro con escopetas e pistolas. si estaba cheo de militares con metralladoras?. Pero a vinganza deles foi terrible, prendían xente, maltratábana. Torturábana, fusilaban, e cando o propio párroco de Ares me mandou recado de que escapara, a miña muller e mais eu pillamos o tren para Ponferrada. Volvemos cando rematamos os cartos. E vindo da estación de Franza vimos falanxistas facendo inspeccións. Souben da moita represión que houbera, dos fusilamentos, e de acordo coa familia escondinme.

AGACHADO
-- Aí abaixo habia un muíño, o muíño da Porta do Río en Chanteiro, que para entrar había que facelo pola auga, alí fun meterme. A noitiña levábanme a comida e maila prensa, ou o avó Pena ou as miñas tías Paca e María do Curro, que ían vender á praza de Mugardos, e sabían cousas. Eu saía as noites a toma-lo fresco, tiña unha pistola pero, doume de conta agora no meu subconsciente, non a tiña para defenderme, era polo medo, non polo medo a morte, era polo medo á tortura, eu sabia que si lles disparaba eles mataríanme no acto, e así non me poderían torturar. O outro problema era agachar a miña muller, cóntao ti, Lola.

Lola Mayobre.-
‘‘A miña sogra barrenou en facerme pasar por unha nena enferma, co pelo cortado ao cero, sempre metida nun cuarto… Tíñamos o noso fillo ben cativiño e para que non me descubriran fixéronlle crer que onde eu estaba había un gato negro. Doíame o corazón cando o sentía. Así botei tres anos”.

E continúa Juan Castro: “ A miña familia decidiu traerme mais cerca. a finais do 1937, agacháronme nunca falsa parede, e así estiven ata a primavera do 39, que a República perdeu a guerra. Os fuxidos sabiamos uns dos outros polas familias, e pensábamos de ir o monte ou marchar fora, algún foise en bote e nunca mais se soubo del.

A FUXIDA
….Xuntámonos, no cemiterio de Cervás. Eu acordo alí a Benito Feijoo, o Alcalde de Ares, ¡o mellor que houbo!, a Gelfo Rebón, a Saavedra, a Losada, e coincidimos en que non tiñamos mais fronteira que o mar. Pero ir ao mar en serio con posibilidades dende o primeiro momento.
Barrena que te barrena demos na idea de disfrazarnos. E así foi…
…Nas casas fixéronnos todo o preciso: catro traxes de faena de Guarda Civil, “tricornes” de papel de charol , fusiles de madeira, cartucheiras de tela de saco, … E mentres outros andaban a falar cos compañeiros escondidos en Caamouco, en Ferrol, en Serantes, en Barallobre, no Seixo, …., para que viñeran todos cantos quixeran marchar.
Quen se encargou do barco foron os irmáns Leira ( Os Truman) de Ares, xuntámonos 27. Vintesete homes que fuximos do fascismo …. ¡!
… Os irmáns Leira dixeron que tal día salia o barco, o bou “Ramón”, pero … aquel día fracasou, e volvemos os escondites.
O día definitivo, o 29 de setembro, xuntámonos no Castelo de Ares. Os de aquí (Chanteiro – Cervás), sairamos como se foramos a Guarda Civil, Rebón vestido de tenente, tres de gardiás, eu de falanxista e os demais como si os leváramos presos. O único medo era atopar a Guarda Civil de verdade.
Cando nos xuntamos todos, un de Ares que lle chamaban o Lexionario fixo o transporte nun bote dos que ían de Gardiás Civís. Rebón subiu a bordo do “Ramón” enseando as estrelas da bocamanga, ordenou a tripulación entrar na cámara e, para que oíran berrou: “Que vaya el bote a tierra a buscar a la Falange de Pontedeume”, de coña, pero así de simple foi.
Cando estivemos todos a bordo e con Yáñez o temón, pillamos seis horas rumbo Norte para alonxarnos de terra e non tropezar coas patrullas navais de Franco, despois rumbo Este.

Mentres aquí as mulleres o pasaban mal, conta ti Lola”.

Lola Mayobre.- “Viñeron buscarme, aínda hoxe non sei como deron comigo, debeu ser que me fixen ver, xa perdera algo de medo co meu home fora.
Leváronnos ao Cuartel da Guarda Civil, colgáronnos dos polgares e dábanme con látegos nas pernas, alcumábannos, preguntábannos polos homes, unha e outra vez. Metéronnos nun retrete noxento, pechadas tres días e despois soltáronnos”.

E continuaba Juan Castro.-
…. “Na viaxe, o malo foi que calculamos mal o carbón, tivemos que queimar toda a madeira do barco, escaleiras, mesas, a cuberta.... Cando levabamos un día o garete, tres días despois de saír, vimos un pesqueiro francés, o mar foinos levando a él, e cando pensabamos en asaltalo, xa nos acolleron e foi cando nos dimos conta de que estabamos salvados ......

Co "Ramón" entramos en La Pellice, ao ladiño de La Rochelle. Xa había un autobús de xendarmes para conducirnos ao campo de concentración de Barcarés, pola parte de Perpignan, cheo de soldados do exército da República alí presos e que desconfiaban de nos, que se eramos confidentes, que se franquistas inflirtados. Pouco despois o PSOE quitou a Santamaría (alcalde de Ferrol) para México, e alí quedamos nos. Cando empezou a segunda Guerra Mundial nos levaron o campo de Arguelés. ¡Alí si que houbo problemas!. Fame, mercado negro, violacións, pero eu engordei, si,... podía durmir o tempo que quixera, sen a preocupación de cando andaba agachado ...

... Dispersáronnos, uns a compañías de traballo. Rebón a unha fabrica de avións de Tolouse, eu fun con Saavedra a unha mina de ferro aló en Metz, cerquiña da liña Maginot, e cando os alemáns entraron en Francia evacuáronnos a unha mina de carbón. Xa non eramos prisioneiros e cobrabamos, pero non tiñamos documentos; evacuáronme outra vez a mina e chegan outra vez os alemáns. ¡Vaia desfeita!. Pillamos un tren que parou no medio do campo e despois seguimos a pé, sempre cara o Sur naquela riada de xente, por camiños, chovendo, traballando en granxas cando podíamos, durmindo en palleiras ....

... No 1941, traballando Saavedra, un asturiano que lle chamaban Mino, e mais eu, na construción dun pantano, o goberno colaboracionista ordenou detenernos. ¡Outra vez o campo de concentración!. Alí encontrei a Casteleiro que escapou sen avisarnos e despois escapamos nos.
Queriamos chegar a Marsella e chegamos, pero Marsella estaba chea de refuxiados e a policía andaba atrás nosa, dos españois republicanos.
Atopamos a Rebón e levounos a un castelo que dependía do consulado mexicano. Nos estabamos alí ilegalmente pero no medio daquela multitude colábamos, soubemos que o director dos refuxiados era de Ferrol, Galán que fora presidente do Racing, e fixera a guerra como coronel do exército republicano. Integrounos na súa escolta, a min, que en Cervás andaba a sachar patacas ....

... Un día chegou a policía francesa colaboracionista dos alemáns buscarnos, a Saavedra e a min, para extraditarnos sen solución, primeiro para Marsella, e 20 días despois a Aix-en-Provence, encadeados de pes e mans, foi cando deportaron tamén a Companys, a Zugazagoitia e a Rivas Cherit. Entregáronnos a policía española en la Junquera, e na aduana roubáronme os cartos e o reló.
... De volta de Francia, no ano 1941, despois de peregrinar por algúns campos de concentración, metéronme no cárcere de Gerona, de alí a Barcelona, a Zaragoza, a Lugo e por fin a Ferrol, na Escollera do Arsenal.
Declaramos en Capitanía. Acusábanme de queimar as igrexas de Cervás e de Chanteiro, cando sabían que eu non estaba na casa en ningún dos dous casos, tamén de perigoso esquerdista, de uso indebido de uniforme e de piratería (?).., si, polo do barco.

Fun ao castelo de San Felipe o 10 de Xullo de 1942 con condena de 20 anos. Saín no 47 e traballei na canteira do Vispón mallando cunha mandarria de 12 kilos, despois na construción do ambulatorio de Ferrol, pero souben que andaban atrás miña, e cando a Guarda Civil paseou a Florentino de Mugardos e O Malallo de Ares, con outros dous mais, marchei a Asturias en xaneiro do 49. Entrei nas minas na Camocha e alí botei 24 anos facendo de todo. Parábame a Guarda Civil centos de veces e metéronme preso na folga do 62. Pouco tempo ....

... E agora estamos aquí no 1988, no noso Cervás. Eu sempre fun do PSOE en Asturias, e tiven contactos directos con Felipe e Guerra, e isto inflúe no que vou a dicir:
Eu penso que hoxe o PSOE está gobernando o mellor que pode, con realismo, sen gobernar en socialista, pero si en progresista. Con sacrificios.
A democracia e o único sistema político que permite que nos esteamos falando agora. Eu sei que un día os pobres han goberna-lo mundo."

O fillo dos nosos protagonistas, Juan José Castro Mayobre, aínda reside en Francia e foi obxecto dunha reportaxe no Diario de Ferrol de poucas datas atrás.

lunes, 16 de abril de 2007

Hace 60 años del hundimiento de la Lancha de Mugardos por un destructor de la Armada



Según los periódicos de aquella época -- Marzo 1947 --.


Diez mujeres ahogadas y tres desaparecidas a consecuencia del hundimiento de la lancha "Generalisimo Franco" en la ría de El Ferrol.


En Mugardos se efectuó el entierro de las víctimas, presidido por las autoridades.






Clic en recorte para agrandar